En Xunt@s por As Pontes cremos que hai que apostar por proxectos viables e que concilien os aspectos económico, social e ambiental das actividades humanas. Así,

  • apostamos pola sostibilidade económica, é dicir, apostamos por actividades que se moven ata a sostibilidade ambiental e social e que son financeiramente posibles e rentables;
  • pola sostibilidade social, é dicir, apostamos pola cohesión social e o traballo na consecución de obxectivos comúns, mitigando impactos sociais negativos causados polas actividades que se desenrolen e potenciando os positivos, todo isto para que o noso concello reciba beneficios polas actividades que desenvolve e que teña como consecuencia directa a mellora nas condicións de vida dos veciños;
  • e a sostibilidade ambiental, é dicir, que exista compatibilidade entre as actividades desenvolvidas e mais a preservación da biodiversidade e dos ecosistemas.

Partindo destas premisas, basearemos a nosa actuación nos seguintes puntos esenciais:

Sostibilidade económica:

Promoveremos o comercio xusto e o consumo responsable entre os veciños e mais no propio concello. Farémolo a través de campañas de sensibilización, da promoción e oferta destes produtos nas instalacións públicas e tamén a través da compra pública ética.

Estableceremos unha batería de indicadores significativos para os distintos ámbitos da xestión (técnicos, financeiros, sociais, ambientais, patrimoniais), accesibles a través de internet, comprensibles para a cidadanía e que se cumpran sexa quen sexa o provedor de servizos (empresas públicas, mixtas ou privadas).

No eido das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), consideramos que o software libre debe ter un papel predominante nas estruturas TIC das administracións locais. Así, elaboraremos un plan de soberanía dixital municipal onde se contemple a progresiva implantación deste nos equipos de xestión das administracións, acompañado da formación e actualización pertinentes ao persoal contratado. Con isto aforraremos en licenzas de programas privativos, reduciremos a dependencia tecnolóxica da administración local e potenciaremos o tecido local de empresas de servizos para o desenvolvemento e mantemento destas infraestruturas.

Sostibilidade social:

Apostaremos polo mantemento e modernización das infraestruturas existentes antes de realizar gastos en novas infraestruturas. Ademais, para todos aqueles proxectos que superen os 200.000 euros de investimento, será obrigatorio realizar un estudo de rendibilidade social e sostibilidade económica e medioambiental.

Promoveremos a accesibilidade de tódalas persoas nas rúas do pobo e mais en tódolos edificios, sexan públicos ou privados.

Completaremos a rede de saneamento alí onde non existe e procuraremos un correcto funcionamento da mesma.

Aprobaremos un Plan municipal de vivenda que promova o aluguer de vivendas baleiras e que contemple o establecemento do IBI reducido ou exento para vivendas sociais, ampliándoo para vivendas baleiras en propiedade de entidades bancarias.

Promoveremos un plan de seguridade no que colaboren varios organismos e que garanta a vixiancia das zonas rurais.

Sostibilidade ambiental:

En Xunt@s por As Pontes comprometémonos a cumprir estritamente o espírito e a letra de toda a lexislación ambiental, para así dar exemplo e garantir que as empresas e os cidadáns tamén a cumpran.

Neste sentido, para aqueles territorios incluídos na Rede Natura 2000, promoveremos e divulgaremos iniciativas sustentábeis centradas no valor engadido que teñen e os seus elementos naturais. Así, apoiaremos aqueles proxectos produtivos que impliquen un uso tradicional que contribúa ao mantemento da biodiversidade, e mais aqueles proxectos de lecer que axuden a coñecer e conservar os valores naturais destes espazos.

Tamén fomentaremos a conservación dos bosques autóctonos debido ao seu valor como patrimonio natural e ao seu carácter de prestadores de servizos ecosistémicos (purificadores do aire, reguladores do ciclo hídrico, cortalumes naturais, acubillo de biodiversidade, produtores de solo, etc.). Promoveremos compensacións para aqueles propietari@s que manteñan bosques e soutos, xa que os servizos que proporcionan benefician a toda a poboación.

Tentaremos controlar as especies bioinvasoras, mediante a eliminación de especies agresivas nos xardíns, o control de plantacións ornamentais e forestais, o control de comercialización de especies foráneas e a recollida e canalización das especies introducidas.

Desenvolveremos políticas municipais para previr e combater as situacións de maltrato e abandono de animais. Neste sentido, impulsaremos campañas de sensibilización periódicas coa finalidade de educar, concienciar e disuadir as condutas que non se axusten á normativa, lembrando que é unha obriga a identificación dos animais. E tamén promoveremos a creación dun centro de protección de animais, tentando a mancomunidade cos concellos da zona.

Con esta serie de medidas pretendemos mellorar a calidade de vida dos ponteses e pontesas, apostando pola protección, conservación e preservación do medio que nos rodea, procurando obter un rendemento económico que sexa sostible e que redunde na creación de máis postos de traballo para a veciñanza.