• Establecemos como principio que o primeiro son as persoas e, polo tanto, a cobertura das súas necesidades é prioritaria fronte á construción de novos equipamentos e servizos, sobre todo daqueles que non estean destinados a cubrir as necesidades básicas da poboación, ou a favorecer a conciliación da vida familiar e laboral. Consideramos os servizos públicos como un tema no que se debería chegar a grandes acordos polo ben dos que máis o necesitan.
  • Como norma xeral a totalidade dos servizos municipais serán xestionados de xeito directo ou a través de sociedades de economía mixta. Polo tanto aqueles que na actualidade estean externalizados no momento de acabar a súa concesión administrativa, recuperaranse para a xestión pública si unha adecuada avaliación técnica acredita o mantemento ou mellora da calidade na prestación do servizo a un custe asumible para o concello.
  • Promoveremos unha proposta educativa máis razoable e ampla baseándose no tecido produtivo das Pontes e nas súas potencialidades, reclamando tamén a formación profesional modular. É necesario establecer un espazo de colaboración co contorno produtivo para desenvolver e extender unha cultura da formación permanente.
  • Estableceremos un plan de coidado de centros escolares en coordinación coa Xunta de Galicia, no que cada administración estableza as acción que lle son propias.
  • Entendemos o acceso á auga como un dereito humano, implementaremos a xestión do subministro con criterios de calidade, equidade social nas políticas tarifarias, boa gobernanza e transparencia.
  • No acceso á enerxía, outro dos servizos básicos para unha vida digna, comprometémonos coa erradicación da pobreza enerxética ante as normativas de carácter autonómico e nacional. Promoveranse axudas compensatorias nesta liña nos casos de impago xustificado socialmente, tratando de eliminar os casos de corte de subministro eléctrico e de gas por razóns de vulnerabilidade social.
  • Garantir un hábitat digno e axeitado para a cidadanía, a través de políticas municipais como as axudas para vivendas sociais, rehabilitación de vivenda para alugueiro social.
  • Xestionaremos a ampliación de prazas da gardería municipal. De non ser posible, estableceremos unha liña de axudas para que aquelas familias que queden fóra do servizo para a promoción da conciliación.
  • Demandaremos da Xunta de Galicia que o Centro de Día traballe coas 30 prazas coas que conta e con todos os servizos que se ofertaban inicialmente.
  • Demandaremos da Xunta de Galicia a dotación do Centro de Saúde tanto persoal como materialmente, apoiando as demandas da poboación sobre o servizo de pediatría, xinecoloxía e radioloxía. Estudaremos a posibilidade de exercer medidas legais ante os incumprimentos.
  • Adoptaremos medidas reais e efectivas para eliminar a discriminación por motivos de xénero, etnia, idade, orientación sexual, etc. e promover a igualdade de dereitos e oportunidade entre homes e mulleres. Entre outros, a través de plans de igualdade no ámbito local que promovan a conciliación persoal e laboral. Tamén coa inclusión de criterios de valoración das ofertas para subcontratación de servizos da administración local que primen as propostas que promoven a equidade e a igualdade.
  • Para nós será unha prioridade a prevención da violencia de xénero en todas as súas manifestacións, facendo especial fincapé nas campañas continuadas de concienciación da poboación e a eliminación de condutas machistas, principalmente entre a mocidade.
  • Somos conscientes de que existe a necesidade da creación de prazas públicas nun centro para a atención aos maiores. Un obxectivo máis realista é colaborar económicamente coa veciñanza que non teña capacidade para sufragar o gasto do centro privado que xa existe, mentres non se poida contar con prazas completamente públicas.
  • Actualizar o regulamento de axudas de emerxencia social, adaptándoas ás novas necesidades.
  • Asinaremos o convenio co Programa Xantar na Casa (comida a domicilio)
  • Promoveremos un maior uso do servizo que ofrece o Plan de Inclusión, e do que temos unha oficina no pobo, en coordinación co Departamento de Servizos Sociais.
  • Coordinaremos o Departamento de Servizos Sociais coa Axencia de Desenvolvemento Local municipal, xa que agora máis que nunca é imprescindible o traballo conxunto entre ambos para desenvolver programa de inserción laboral daquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social.
  • Para todas as xestións relacionadas coa concesión de axudas económicas dende Servizos Sociais, iniciar un proxecto/itinerario individualizado de inserción que contemple os obxectivos que se pretende acadar. O máis importante é ensinar/apoiar ás persoas usuarias para que busquen e acaden a súa autonomía e independencia, evitando a cronificación dos expedientes. Non regresar ao asistencialismo e beneficencia.
  • Coordinar os recursos municipais dispoñibles para evitar duplicidades (en recursos, axudas…)
  • Desenvolver un servizo de transporte conveniado que permita desenvolver maior autonomía a aquelas persoas con dificultades para desplazarse, axudándolles a acceder a espazos públicos, de formación, de asesoramento social e laboral…