En Xunt@s por As Pontes entendemos a cultura coma un dereito para tódolos veciños, unha práctica enriquecedora e transformadora das persoas, que de a coñecer aos habitantes do pobo a súa historia e riqueza patrimonial e mais a diversidade e multiplicidade de accións creativas que se están a xerar.

Por isto, o primeiro que imos facer é catalogar tódolos monumentos patrimoniais e espazos naturais locais ameazados e de interese ambiental ou paisaxístico, así como dos seus hábitats, flora e fauna, conservalos e mantelos, sinalizándoos adecuadamente e preservándoos, potenciando a súa incorporación en figuras de protección tanto locais coma supramunicipais.

Neste sentido, unha das principais accións que promovemos é a restauración do Muíño de Alende e mais da Fábrica da Luz, recuperando a súa actividade con fins pedagóxicos para achegar aos mais novos o estilo de vida dos nosos antergos. Tamén a promoción e coidado do antigo Camiño dos Arrieiros, principal vía de intercambio comercial que unía a vila das Pontes co porto de Bares; o paseo que conecta o pobo coa Fonte das Boliqueiras, e a mesma Fonte e mais o seu entorno.

Entre os valores patrimoniais naturais de As Pontes que debemos preservar, atópanse as Fervenzas de Somede e mais as de Bermui, o río Eume e o seu entorno, as Fragas de Lostegal e Vilarbó, as ribeiras do río Sor, ademais de todo o territorio incluído na Rede Natura 2000.

No noso afán de transformar a vila e convertela nun espazo de encontro dos veciños e veciñas, dotaremos de máis servizos e infraestruturas os parques e espazos verdes municipais.

Xunt@s por As Pontes buscará o fomento da lingua galega en toda a súa acción de goberno, nas relacións administrativas e nos usos sociais, culturais e económicos, sempre cumprindo a normativa vixente e respectando a ordenanza de normalización lingüística.

Recuperaremos o certame poético Uxío Novoneyra para dinamizar a a creación literaria entre os veciños e a súa aproximación a este xénero.

En canto á biblioteca municipal, melloraremos as súas instalacións e, no caso de existir a posibilidade, cambiaremos a súa ubicación a un edificio máis amplo, con maior capacidade para o fondo documental e cunha distribución axeitada para facilitar o estudo ou a consulta dos libros. Ademais, promoveremos o seu uso para reactivar a lectura entre toda a poboación e mais para celebrar determinados actos culturais relacionados cos autores, presentacións ou exposicións.

Abriremos a programación cultural do concello á presenza de artistas locais para facer visible o seu traballo, apostando pola diversidade e multiplicidade de estilos e tendencias.

Dende Xunt@s por As Pontes pretendemos con esta serie de medidas que se consuma, produza e respire cultura todo o ano, non só en certas datas sinaladas, como ven sucedendo ata o de agora. E pretendemos tamén fomentar a creación dunha sociedade máis intelixente, dotándoa das ferramentas necesarias para que adopte o espírito crítico que toda sociedade precisa.