1. PLAN EDUCATIVO DE POBO

Poremos en marcha un plan educativo no que se contemplen todas as accións formativas que se desenvolven no concello, esten relacionadas co ensino oficial ou non oficial. Tentaremos que todas estas accións teñan un sentido e un obxectivo conxunto de mellora e usar os recursos que xa existen no concello para apoiar e promocionar o desenvolvemento local

  1. TRANSPARENCIA MUNICIPAL

Faremos públicos na web municipal todos os documentos do concello que podan ser de interese para a cidadanía: actas dos plenos, xuntas de goberno local, os orzamentos completos e liquidacións, así como todas as contratacións co seu orzamento e periodo de execución.

Do mesmo modo, tamén se farán públicas as declaracións de actividades, ingresos e patrimonio de todos/as os concelleiros/as da corporación local.

  1. REMUNICIPALIZACIÓN DE SERVIZOS.

Como norma xeral a totalidade dos servizos municipais serán xestionados de xeito directo ou a través de sociedades de economía mixta. Polo tanto aqueles que na actualidade estean externalizados no momento de acabar a súa concesión administrativa, recuperaranse para a xestión pública se unha adecuada avaliación técnica acredita o mantemento ou mellora da calidade na prestación do servizo a un custe asumible para o concello. Este proceso respectará sempre os dereitos adquiridos polos traballadores/as das empresas que teñan sido concesionarias dos servizos.

  1. ORZAMENTO PARTICIPATIVO

Darlle cobertura económica ás demandas da cidadanía mediante a posta en marcha de orzamentos participativos, que reserven unha porcentaxe do capítulo adicado a inversións para realizar aqueles investimentos en infraestruturas ou servizos que, de xeito regulado, a cidadanía considere prioritarios.

  1. POSTA EN MARCHA DA AXENCIA DE DESENVOLVEMENTO LOCAL

Creación dunha Axencia de Desenvolvemento Local, dotada de recursos humanos e técnicos na que se centralicen as acción encamiñadas ao fomento do emprego, asesoramento empresarial, apoio económico a novas actividades… Entre as súas primeiras accións estarían:

  • Elaboración dun plan de emprego no que se concreten medidas reais para a promoción do emprego local, tanto dende o concello e outras administracións públicas, como no sector privado.
  • Realizar un estudo pormenorizado da situación dos terreos e naves dos polígonos industriais. Aqueles terreos que non foron usados polo propietarios serán solicitados para que revirtan novamente ao concello. Xestionar coas empresas propietarias das naves sen uso a súa cesión, aluguer ou venda ao concello.
  • Creación dunha central de compras na que poderá inscribirse o pequeno comercio, divido por sectores, para reducir o custe de aprovisionamento. O concello ofrecerá asesoría na agrupación das distintas empresas e autónomos, na configuración da central de compras e na implantación
  • Promover o financiamento de proxectos mediante micro-créditos, ben directamente dende o concello ben conveniando con entidades de Banca Ética
  • Promocionar e desenvolver novos proxectos nas zonas rurais cun impulso das cooperativas para explotacións agrarias, gandeiras e forestais.
  1. DESENVOLVEMENTO DUN PLAN DE COIDADO E VALORIZACIÓN DO PATRIMONIO

Dentro deste plan contemplaríase a creación dun Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural e Natural das Pontes, así como a recuperación do Muíño de Alende e o Muíño de Prieto para o uso pedagóxico para o que foi cedido.

Levar a cabo dun modo continuado e organizado, a limpeza, sinalización e mellora da dotación dos espazos naturais e de lecer do concello (roteiros, fervenzas, fragas…), facendo especial fincapé nas zonas cercanas ao río Eume.

  1. REORDENACIÓN URBANÍSTICA, VIARIA E ACCESIBILIDADE

Defenderemos un novo modelo de xestión social do hábitat, no que a cidadanía poida opinar e expoñer problemas e solucións sobre a vila. Aproveitando a elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal e co asesoramento do equipo redactor, estudaranse as diferentes posibilidades para reorganizar o sentido dalgunhas rúas, establecer carrís bici e facer accesibles os edificios e rúas para as persoas con reptos. 

  1. IGUALDADE E CONCILIACIÓN FAMILIAR

Crearase unha concellería de Igualdade que establecerá todas aquelas medidas que faciliten a coeducación, a conciliación familiar e o acceso en condicións de igualdade ao emprego. As liñas máis urxentes desta concellería serán:

  • Potenciar os servizos e espazos municipais de atención a persoas dependentes
  • Desenvolvemento de medidas de apoio e recursos para persoas coidadoras
  • Ampliación do número de prazas da gardería municipal e, se non fose posible, establecer unha liña de axudas para aquelas familias que quedasen excluídas do servizo.
  • Apertura de servizos municipais en horario de tarde para facilitar xestións e trámites
  • Incentivar ás empresas locais que permitan a conciliación familiar mediante unha liña de axudas
  1. FOMENTO DE VIDA E TRABALLO NO RURAL

Se queremos fomentar o rural, os vecinos e veciñas teñen que ter a posibilidade de vivir e traballar no seu entorno máis próximo. Elaborarase un plan de mantemento e ampliación de servizo nas zonas rurais en coordinación coa veciñanza de cada parroquia.

Impulsarase dende o concello as redes curtas de comercialización para mellorar os ingresos dos produtores e produtoras e incentivar o consumo de alimentos locais. Xestionarase un banco de fincas de aluguer no Rural para xente moza, parados e familias de baixos recursos.

Recuperarase o espírito inicial do mercado semanal para venda dos produtores locais

  1. ESIXENCIA DOS DEREITOS DOS SERVIZOS PÚBLICOS

Os servizos públicos deben ser servizos de calidade e cumprir a regulamentación existente. Comprometémonos a regularizar a situación na que se atopan diversos servizos municipais que están a prestar empresas que traballan sen contrato.

Asimesmo, demandaranse das administracións correspondentes o cumprimento de acordos, así como o mantemento e ampliación de servizos. Neste senso faremos especial fincapé no Centro de Día e no Centro de Saúde. Ademáis de reclamalo oficialmente, estudarase a posibilidade de exercer medidas legais polos continuos incumprimentos.