Son María Chao e vivo en Pontoibo dende 1984. Licenciada en dereito, estiven en varios despachos de avogados de prestixio. Firme defensora da igualdade en tódolos ámbitos, do respecto entre as persoas e dos dereitos da muller.

Actualmente non teño traballo. Adico o meu tempo a preparar oposicións, a seguir formándome, a mellorar o inglés e a aprender a tocar a gaita na Escola Municipal. De cando en vez, acompaño ao grupo O Garabato dos Trasnos. Entre outras cousas, gústame axudar (no que podo) en diversas organizacións do meu entorno. Disfruto coa miña xente, coa boa música, os bos libros e os paseos pola natureza.

Colaboro con Xunt@s por As Pontes porque as decisións son compartidas e tómanse en asemblea; porque se tratan os problemas do concello e non cuestións impostas dende outras instancias; porque priman as persoas sobre calquera ideoloxía. E principalmente porque a maioría da miña familia e amigos tivo que emigrar na busca de oportunidades laborais. Aquí temos recursos suficientes para crear emprego, só temos que aproveitalos. Entre tod@s podemos cambiar as cousas.

As Pontes necesita un goberno no que podan participar tódolos habitantes de xeito democrático, baseado en sólidos principios éticos, transparente, que se comprometa cos veciños e que teña claras as súas prioridades: crear emprego e xerar riqueza no concello.

Pediríalle aos ponteses e pontesas que non teñan medo e que aposten polo cambio. Que participen na toma de decisións que lles afectan directamente. Que sexan os verdadeiros protagonistas.