Estamos aquí porque consideramos que chegou o momento de apostar decididamente polo cambio, un cambio feito dende a xente e para a xente, un cambio xestado dende a radicalidade democrática. Aínda así, somos conscientes da necesidade de defender as moitas cousas que se fixeron ben ao longo destas máis de tres décadas, pero tamén, consideramos que hai que renovar outras, que sendo fundamentais para o funcionamento do Sistema, xa non funcionan.

Por iso, persoas de distinta condición política e social decidimos constituírnos nun espazo de encontro, abertos á xente que sinta a necesidade de cambio, porque consideramos que hai moitas persoas que xa deixaron de confiar na política que nos trouxo a esta situación de deterioro e consideran que xa non nos ofrece a credibilidade necesaria para afrontar a loita contra a corrupción e a problemática que os novos tempos nos presenta.

Consideramos que só asumindo a nosa responsabilidade cívica e traballando en espazos de confluencia, podemos principiar dende o local a reconstrución e vertebración dunha nova democracia, baseada nunha nova cultura política máis participativa, transparente, inclusiva e colaborativa, onde predomine a horizontalidade como forma normal de relación, propiciando así que a xente volte a tomar o control das institucións para pólas ao seu servizo.

Cómpre dicir tamén que non estamos aquí para dividir, senón para abrir un proceso que permita xuntar forzas polo cambio. Un proceso determinado a transcender as diferenzas para que nel caiba toda unha maioría de cidadáns movidos pola ilusión de facer da política unha ferramenta útil para todas as persoas de ben.

En definitiva, con esta iniciativa, tratamos de pór en marcha unha nova forma de facer política que permita dar resposta a nivel local á situación de descrédito que vive a política, ao déficit democrático e á inxusta dinámica socioeconómica que hoxe nos domina e tanto sufrimento está a causar en moita da nosa veciñanza.

Os eixos do noso traballo serán:

Queremos abrir as portas do concello e que sexa realmente a casa do pobo e non só a duns poucos.