logo_grande

Este documento recolle un código de prácticas que as persoas que ocupen cargos electos e de libre designación deberán cumprir para tentar acadar unha xestión política comprometida e próxima á cidadanía, con mecanismos eficaces de transparencia no financiamento e rendición de contas, democráticos e populares, e con espazos reais de participación e decisión da cidadanía nos asuntos públicos.

Tamén se expoñen diversos compromisos e medidas que teñen como obxectivo garantir que todos poidan dedicar o tempo necesario á xestión política e ás funcións públicas e, ao mesmo tempo, rematar cos privilexios dos que, durante moitos anos, gozou boa parte da clase política, e que foron unhas das causas que provocaron un grave afastamento dos intereses da cidadanía.

Este compromiso de ética política parte da confianza e o compromiso que esta candidatura mantén coas persoas que ocuparán un cargo de responsabilidade pública, ademais de significar un mecanismo de apoio, supervisión e control á súa tarefa.

1. Democratización da representación política, fiscalización e rendición de contas

1.1. Defender o establecido no programa político da candidatura e actuar como representantes, obrigados a seguir as decisións tomadas nos mecanismos democráticos e abertos a toda a poboación que fixe a candidatura, promovendo a corresponsabilidade política de todos e todas.

1.2. Facer públicas as axendas dos representates, para facer visible con quen se reúnen e os temas que se tratan.

1.3. Facilitar todos os ingresos, bens e rendementos patrimoniais dos representantes, así como todos aqueles datos necesarios para a detección de posibles conflitos de intereses e a elaboración de auditorías cidadás. Este compromiso estenderase aos 3 anos seguintes á súa saída da función pública.

1.4. Facer públicos os criterios de contratación dos cargos de libre designación.

1.5. Render contas das súas actuacións ante a cidadanía, mediante instrumentos presenciais e virtuais, asemblearios, democráticos e abertos a todos e todas

1.6. Aceptar a censura (e revogación, no seu caso) de concelleiros/as e cargos de libre designación por mala xestión ou por incumprimento flagrante e non xustificado do programa. Para que isto sexa posible, establécense os seguintes mecanismos de garantía e avaliación da xestión das persoas con cargos públicos da candidatura:

– Anualmente as persoas con cargos públicos deberán superar unha moción de confianza ante a asamblea
– En calquer momento da lexislatura a asamblea por maioría pode decidir que os respresentantes municipais abandoen o seu cargo se se considera que non están a desenvolver adecuadamente as súas funcións

1.7. Non acceder durante un período, mínimo de 5 anos, a cargos de responsabilidade en empresas creadas, reguladas, supervisadas, ou que fosen beneficiarias dun contrato municipal, dentro do ámbito e/ou sector onde desenvolveu a súa función representativa.

1.8. Manter un contacto habitual con colectivos en situación de vulnerabilidade e telos presentes á hora de tomar decisións os informes das persoas da administración que traballan con estes colectivos.

1.9. Garantir a participación da cidadanía na toma de decisións relevantes e no posicionamento político da candidatura sobre temas estratéxicos e proxectos de impacto social, ambiental ou urbanístico

2. Transparencia, contas claras e finanzas éticas

2.1. Ser transparente na súa xestión, publicando desagregados todos os datos referentes aos ingresos e gastos, que xestionará na medida do posible en contas de entidades de economía social e solidaria.

2.2. A renuncia explícita aos créditos bancarios e ás doazóns de particulares que poidan coartar a independencia política da candidatura.

2.3. Apostar claramente por unha limitación drástica do gasto en campaña electoral.

2.4. Fomentar o micromecenado finalista, é dicir, o pequeno mecenado destinado a accións e necesidades concretas.

2.5. Non utilizar fundacións ou entidades xurídicas para financiarse con recursos e mecanismos pouco transparentes, e con obxectivos diferentes aos da candidatura.

3. Desprofesionalización da política, supresión de privilexios e medidas contra a corrupción

3.1. Renunciar aos agasallos e privilexios que se lles poidan ofrecer pola súa condición e que poidan significar un trato de favor.

3.2. Non duplicar cargos nas institucións, agás aqueles vinculados á súa condición de concelleira/a.

3.3. Non duplicar soldos nin cobrar remuneracións extras, agás aquelas dietas documentalmente xustificadas

3.4. Establecer un soldo máximo, en caso de existir liberación, de 2,5 veces el SMI como salario neto mensual, entendendo que esta retribución garante unhas condicións dignas para exercer as responsabilidades e funcións que supoñen o cargo asumido. O soldo será variable tamén en función das responsabilidades e de se hai dedicación exclusiva ou non.

3.5. Limitar o seu mandato a unha lexislatura e en caso excepcional aprobado en asamblea a dúas

3.6. Compromiso de renuncia ou cesamento de forma inmediata de todos os cargos, ante a imputación pola xudicatura de delitos relacionados con corrupción, prevaricación con ánimo de lucro, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno, malversación e apropiación de fondos públicos, ben sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Así como tamén en casos de acusación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos contra os DD. HH. ou os dereitos das persoas traballadoras.

3.7. Facer un bo traspaso de información e de coñecemento (sen remuneración), seguindo un protocolo acordado no marco da candidatura.

3.8. Desenvolver mecanismos para a conciliación entre a vida familiar e política.

As Pontes, abril 2015