Pleno Ordinario de Novembro (10/11/2017)

Novembro 15, 2017 Novas, Pleno Municipal

Tal e como vimos facendo habitualmente e seguindo o noso compromiso coa transparencia adquirido cos veciños e veciñas de As Pontes, compartimos a gravación do pleno ordinario do mes de novembro.

ORDE DO DÍA:

1. Aprobación de actas de plenos anteriores e dación de conta dos decretos

2. Compatibilidade para actividades privadas de traballadora municipal

3. Aprobación da modificación da Ordenanza de Réxime Interno da Escola Infantil Municipal A Barosa

4. Aprobación dos expedientes de subvencións nominativas a favor das ANPAS “Outo Eume” e “Medoñas” para poder levar a cabo o programa “Eu almorzo no cole”. Modificación da base 48ª do orzamento municipal, para facer efectiva a subvención.

5. Aprobación da Conta Xeral do exercicio 2016 e dación de conta dos reparos formulados por Intervención

6. Aprobación da modificación orzamentaria 33/2017 na modalidade crédito extraordinario/suplemento de crédito 2/2017

7. Aprobar inicialmente a modificación da Ordenanza Fiscal Nº 1 reguladora do Imposto de Bens Inmobles

8. Mocións:

A) Moción para solicitar da Xunta a derrogación da coñecida “Lei Depredación de Galicia”, presentada por Xunt@s por As Pontes. Votos a favor: Xunt@s e BNG. En contra: PSOE e PP

B) Moción para solicitar da Xunta medidas para favorecer a vida no rural, presentada polo PSOE. A favor: PSOE. Abstencións: PP, BNG, Xunt@s por As Pontes (por non engadir os puntos que se suxeriron e que complementaban e melloraban a moción)

C) Houbo dúas mocións presentadas con motivo do 25N, unha do PSOE e outra do BNG, que se retiraron para elaborar unha declaración institucional conxunta da corporación.

9. Suxerencias e Preguntas – na Parte II do pleno

O grupo municipal de Xunt@s por As Pontes presentou as seguintes propostas e preguntas:

1.- ANTÓN FERREIRO

Gustaríanos que o Pleno do Concello fixera un recoñecemento público polo falecemento de Antón Ferreiro García, sempre contando co parecer da familia.

A nosa proposta sería que se recoñecese como un BO PONTÉS, polo cariño que lle tiña o seu Concello e que se manifestaba en que sempre estivo en primeira fila na hora de implicarse, aínda que fora so coa súa presenza, en resolver os problemas: sanitarios, educativos, sociais, de emprego, etc. que todos padecemos.

Tamén fixo unha gran laboura na promoción deste Concello, e a súa permanencia na presidencia da Irmandade As Pontes-Lesneven durante 25 anos contribuíu a incrementar moito as relacións entre Bretaña e Galicia.

Igualmente gustaríanos que o seu gran arquivo de fotos, -sobre todo deportivas- e histórico das Pontes non se perdese, e o Concello se puxese en contacto coa súa familia co fin de axudar no seu mantemento e a súa difusión.

Resposta: O equipo de goberno comprométese a realizar unha homenaxe contando co parecer da familia e a poñer os medios para conservar o arquivo fotográfico e histórico de Antón Ferreiro.

2.- SANIDADE

– Tivemos coñecemento dunha xuntanza co responsable da Xerencia Integrada de Ferrol. Podedes informar?

– Recolléronse 2661 sinaturas entre todos os veciños e veciñas de As Pontes, que reclaman melloras na atención sanitaria. O que fixéstedes está ben, pero non abonda. É preciso reclamar máis persoal para o centro de saúde e permanecer vixiantes ao cumprimento dos compromisos adquiridos, especialmente no relativo á cuberta do inmoble (tellas soltas, un día de temporal poden causar unha desgraza).

– Propoñemos a creación dunha comisión na que estén presentes todos os grupos municipais e axentes sociais relevantes, para analizar a situación e demandar/esixir unha sanidade pública de calidade, gratuita, que funcione axeitadamente para todas. Isto implicaría abordar aspectos como son o transporte a Ferrol, entre outros.

Resposta: Non se vai crear esta comisión, xa o equipo de goberno permanece en contacto co coordinador do centro de saúde

3.- INDUSTRIA/EMPREGO

– O 31 de decembro pecha a OPYDE. Tedes alguna alternativa para o futuro de As Pontes? Tedes algunha alternativa que a sustitúa ou organismo que conte con todo o tecido local para o impulso e desenvolvemento da nosa vila? Tedes algún plan/proxecto concreto e que se poida materializar nun relativo curto prazo para este Concello?

-Propoñemos que se impulse dende o Concello dunha plataforma ou comisión na que esté presente o Concello, empresas, organizacións de empresarios, sindicatos, centros educativos, e tecido asociativo local para buscar alternativas de futuro para a nosa vila.

Resposta: Non hai alternativas. Non se creará ni impulsará unha plataforma do tipo que se propón.

4.- CAMPAÑA EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS

– O pleno cambiouse de data para facilitar a viaxe a Bruxelas de varios Concelleiros. Para qué? Podedes informar?

– Podedes informar de en qué estado se atopa a campaña? Qué colectivos están implicados? Qué accións ides levar a cabo? Con qué fondos se vai financiar a campaña?

Resposta: A campaña a nivel local vai consistir en tinguir de negro as rúas, comercios, establecementos de todo tipo. Faranse varias accións durante a semana do 25 de novembro. En canto aos fondos e a concreción das accións, non se puido contestar por non estar presente a Concelleira responsable.

5.- OBRAS

A) Co fin de rematar a rúa que vai detrás da antiga estación de autobuses e que conecta polos dous extremos coa rúa de Juan Antonio Suances, hai que chegar a un acordo ou expropiar unha pequena parte dun solar que impide o acceso a esa rúa por un deses extremos, segundo se ve no plano adxunto.

B) Tamén deberíase rematar a praza do Coireiro que se atopa entre a avda. de Vilalba e a rúa Capela, e que está cortada por unha finca. Propomos que se chegue a un acordo de cesión cos propietarios ou a súa expropiación. O mesmo que se fixo co resto dos propietarios da actual praza. Tamén se adxunta plano.

Estas obras quizás non teñan unha urxencia comparada con outras necesidades sociais. Máis é moi importante que cando unha obra se comeza, se remate, pois ocasiona problemas importantes para o resto dos veciños que non dispoñen dos accesos adecuados e incluso discriminación e mal exemplo para eles, que cederon gratuitamente os terreos para facer estes equipamentos. Non é lóxico que por un so veciño en cada actuación, nos dous casos non se rematen as dúas obras. Tamén son obras sen moito custe, e estes anos o Concello dispón de remanente dabondo, como se viu no ultimo Pleno no que se acometen obras, algunha delas sen tanta importancia.

Resposta: Intentarase solucionar

6.- EDUCACIÓN

– Cómo ides co estudio para as necesidades educativas da vila? Para cándo o ides ter?

– Este ano, que xa está rematando, é preciso que quede feito XA o plan para os ciclos formativos. Noutro caso, será outro ano máis perdido.

– Informar sobre a situación da Magdalena-Monte Caxado.

– Queremos que se faiga esa comisión pola educación na nosa vila e que se nos chame. Queremos estar e queremos opinar

Resposta: Non contestaron estas preguntas.

7.- CIRCUITO DE KARTS

– Agora que xa parece que está listo, qué ides facer con él?

Resposta: Tampouco quedou claro o que se ía facer co circuito, faltan “flecos” por determinar pero apunta a unha xestión directa por parte do Concello. Faltan cousas por rematar.

8.- RECOLLIDA DO LIXO

-No contrato asinado, prevíase a instalación de 400 composteiros individuais. Están instalados?

-Tamén se contemplaban 10 mini puntos limpos para que as veciñas puidesen depositar voluminosos con máis facilidade, están instalados xa?

-Están xa instalados todos os contedores, tamén os específicos (de aceite, roupa, etc)?

Resposta: De momento aínda non están implantados todos os servizos contratados. Os servizos non implantados, non se están cobrando.

9.- LUMES

O 15 de outubro unha baga de lumes queimaba Galicia. O parque de bombeiros do Eume, que ese domingo negro contaba con 3 efectivos por turno, desprazouse para cubrir o lume de Neda. Primeiro coa motobomba e despois con todos os efectivos, quedando o ámbito de influencia do Parque de Bombeiros do Eume (toda a comarca) nunha situación “delicada”.

Traslamos a nosa preocupación neste pleno porque esta situación pode volver a repetirse, lamentablemente. E instamos ao Concello a que esixa a mellora do servizo en todas as instancias ás que poida chegar.

– Existe un plan municipal de emerxencias? Non a se existe sobre o papel, que imaxinamos que sí, senon se están efectivamente coordinados todos os efectivos ante unha situación de emerxencia como a vivida o pasado 15 de outubro.

– Propoñemos que se lance campañas de concienciación entre os veciños e nas escolas sobre cómo actuar ante un incendio. Especialmente no rural.

Resposta: Sí existe un plan de emerxencias, de feito estase traballando nun novo plan, máis adaptado ás circunstancias actuais.

As Pontes, 15 de novembro de 2017

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pique o enlace para maior información.

ACEPTAR