Pleno ordinario do mes de xullo

xuntos_aspontes

Cumprindo co deber de transparencia que temos asumido, e dado que dende o Concello non se publican os videos dos plenos na páxina web nin se suben a Internet para facilitar o seu visionado por toda a veciñanza, compartimos o Pleno Ordinario do mes de xullo de 2017.

Xunt@s por As Pontes presentou unha moción para a adhesión do Concello á campaña “EN NEGRO CONTRA A VIOLENCIA”, iniciada por Compostela Aberta en Santiago no 2015  co ánimo de promover e facer visible o rexeitamento da veciñanza ante calquera tipo de violencia contra as mulleres. A moción, que pode consultarse aquí, foi aprobada por unanimidade.

BNG presentou outra moción para o cambio do nome da rúa “Juan Antonio Suanzes” polo nome “Oito de marzo”. Aprobada tamén por unanimidade.

No apartado de preguntas, Xunt@s pediu explicacións pola xestión do peche do CPI Monte Caxado, esixindo que o Alcalde asumise a súa responsabilidade. Tamén solicitou que se dote a nosa vila dun transporte público de calidade e útil para a veciñanza, en concreto, garantir a efectiva conexión de As Pontes con Ferrol con horarios adecuados.

Preguntamos tamén polo deslinde do lago e os prazos da nova estrada que se fará en substitución da actual que pasa por diante da central. Pola transmisión dos terreos de Endesa ao Concello, pola modificación das Normas Subsidiarias en relación co Poboado das Veigas para que Endesa poida proceder á transmisión das parcelas.

Suxerimos que as sinais de prohibición de cans non son efectivas, polo que deben ser cambiadas por outras de concienciación e solicitamos a adaptación dun espazo para que os cans poidan disfrutar do entorno.

Volvimos a preguntar polos novos contedores do lixo, pola adquisición da antigo hospitalillo de Endesa e polo circuito de Karts.

Podes consultar a ORDE DO DÍA aquí

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pique o enlace para maior información.

ACEPTAR