O Concello de Ferrol, coa comunidade educativa de As Pontes

Xullo 27, 2017 Educación, Novas
19420512_10209705130211671_1716046081953836284_n

A iniciativa de Ferrol en Común, o Concello de Ferrol aprobou unha declaración institucional de apoio á comunidade educativa de As Pontes e contra da extinción do CPI Monte Caxado. O PP, único grupo que votou en contra. 

No día de onte, 27 de xullo, e a iniciativa de Ferrol en Común, o Concello de Ferrol aprobou no pleno ordinario correspondente co mes de xullo unha declaración institucional de apoio á comunidade educativa de As Pontes e contra da extinción do CPI Monte Caxado.

A declaración institucional contou co apoio dos grupos municipais do BNG, PSOE e C´s, ademáis do propio FeC; votando en contra únicamente o PP.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DE APOIO Á COMUNIDADE EDUCATIVA DO CPI MONTE CAXADO E CONTRA O PECHE DESTE CENTRO EDUCATIVO

O pasado 7 de xullo os alcaldes das tres comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal déronse cita no Concello de As Pontes de García Rodríguez para rexeitar a última decisión da Xunta de Galicia a través da Concellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que supón a extinción do CPI Monte Caxado. Así o alcaldes de A Capela, Pontedeume, Valdoviño, Neda, Ares, Fene, Narón, Cerdido, San Sadurniño, Muras, Cedeira, Xermade, Moeche, Ortigueira, Cariño e o noso concello a través do seu alcalde Jorge Suárez asinaron un manifesto de defensa do ensino público e en contra do peche CPI Monte Caxado.

Consideramos que non existen motivos para tomar tal decisión nun centro con máis de 262 alumnos/as non só do concello Pontés, senón tamén dos concellos limítrofes. Unha sorpresiva decisión que non só supón un ataque contra os dereitos dos pais e nais para a liberdade de elección do centro, senón que tamén supón un ataque contra o dereito do profesorado xa que se perde 1 posto de PT do corpo de mestres na ESO e están no aire dous postos a maiores de PT, ademais do profesorado de secundaria xa que se perden 6 postos de traballo.

O traslado de ensinanzas vai implicar unha masificación nas aulas do IES Moncho Valcárce, xa que das 4 aulas existentes no CPI que agora pecha só se incrementará 1 aula no outro centro pontés. É dicir supón non só o peche do centro senón tamén o traslado do alumnado ao IES Moncho Valcarce e ao CEIP Magdalena que foi comunicada ás direccións dos centros no último día do curso sen previa consulta nin ao profesorado nin ás familias dos distintos centros implicados. Unha política depredadora de retallos do ensino público que xa é habitual no executivo galego.

Con esta decisión por parte da Xunta de Galicia adoptada de xeito unilateral sen buscar o diálogo ou o consenso coa comunidade educativa, e pais e nais dos alumnos/a afectados/as as familias quedan nunha complexa situación polo peche xa que quedan no campo da incerteza de cara ao ano que ven. Consideramos una falta de respecto cara ao alumnado, familias e persoal docente do centro, o xeito de comunicar unha decisión deste calado para un centro integrado que imparte ensinanza de Infantil, Primaria e Secundaria.

A Xunta sostén pola contra que se trata dunha “reordenación” que se fai en base a criterios pedagóxicos, demográficos, xeográficos e de “xestión responsable dos recursos” esgrimindo como parapeto o respecto ao “ratios máximos de alumnos por aula” e que estas medidas suporán unha mellora na calidade educativa. Pero o certo é que como xa dixemos antes estas medidas o único que farán é masificar as aulas dos outros dous centros que terán que acoller a 262 novos alumnos en distintos niveis educativos coa conseguinte diminución da calidade da ensinanza. A Consellería tampouco fala de cal será a situación do persoal do centro non só dos docentes, sen aclarar cal será o destino destes traballadores/as ante o peche do CPI Monte Caxado.

Con esta declaración institucional o Concello de Ferrol quere amosar o seu apoio non só a comunidade educativa de Monte Caxado, senón a toda a vila que amosou a súa unión fronte ao que se considera un grave ataque ao ensino público.

A partir desta reflexións o Concello DECLARA:

– Amosamos a defensa a ultranza do ensino público
– Amosamos o rexeitamento a calquera decisión que supoña a extinción, peche, integración, reordenación deste centro…sen acadar o consenso necesario en base ao diálogo coa comunidade educativa.
– Garantir en todo o momento os dereitos dos pais e nais na liberdade de elección dos centros.
– Garantir o mantemento do emprego público nos centros educativos.

As Pontes, 28 de xullo de 2017

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pique o enlace para maior información.

ACEPTAR