Luca Chao denuncia en As Pontes os últimos recortes do PP na educación

Xullo 26, 2017 Educación, En Marea, Novas
photo_2017-07-26_15-11-07

Tras reunirse coa ANPA e coa dirección do CPI Monte Caxado, a deputada Luca Chao constatou que “a mes e medio do inicio do curso só saben que perderán 3 dos 4 especialistas en Pedagoxía Terapéutica cos que contaban”

A voceira de Educación no grupo parlamentario de En Marea, Luca Chao, trasladouse esta mañá ata o CPI Monte Caxado das Pontes, afectado polos peches da Xunta, para coñecer de primeira man a situación da ANPA e da dirección do centro trala reunión da semana pasada coa Consellería de Educación, unha xuntanza na que tamén participaron os concelleiros de Xunt@s por As Pontes, María Chao e Alberto Pellón. “A mes e medio de que comece o curso escolar, nin o profesorado, nin o alumando nin as familias saben exactamente que vai supor a extinción que anunciou o decretazo da Xunta”, sinalou Luca Chao ao remate da visita, logo de que a comunidade educativa do Monte Caxado lle informase que descoñecen os horarios e as instalacións nas que a Xunta pretende reubicar os 262 alumnos e alumnas afectados.

Ademais, a modificación das unidades de postos de traballo docentes dos centros públicos por parte da Consellería, publicada hoxe mesmo no DOG, constata como os recortes anunciados polo PP co seu decretazo supoñen en realidade unha merma da calidade educativa, como En Marea denunciou dende o primeiro día, de xeito especial ao alumnado con necesidades educativas especiais. “Uns recortes que afectarán especialmente a aqueles alumnos e alumnas que mais o precisan, pois hai que recordar que o Monte Caxado era un centro de referencia para todo o alumnado con necesidades educativas especiais da zona”, lembra Luca Chao, que denuncia a supresión de 3 dos 4 especialistas en Pedagoxía Terapéutica, cos que contaba o centro, ou o feito de que se bote por terra “a adaptación hai uns meses das instalacións do centro con sinaléctica en sistema braille para un neno con problemas de visión, que no novo centro non contará con ese recurso”.

A parlamentaria de En Marea trasladoulle a nais, pais e ao profesorado a súa intención de seguir denunciando os peches destes centros educativos e esixindo unha rectificación por parte da Consellería de Educación, “pois sabemos que isto forma parte dun plan perfectamente artellado pola Xunta de Galicia para desmantelar o ensino público, especialmente no rural, mentres seguen ampliando os dereitos para o ensino concertado”. Nese senso, En Marea tamén se opón ao peche de nove escolas unitarias para o vindeiro curso. “Pensamos que non podemos aceptar estas decisións porque está en xogo algo tan importante como é a igualdade de dereitos entre todos os nenos e nenas de Galicia”, concluíu Luca Chao.

Fonte: En Marea

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pique o enlace para maior información.

ACEPTAR